Monday 06 de May de 2024

O concello avanza no procedemento de adxudicación da execución do proxecto da pista polideportiva de Paiosaco


Valorado en 156.500 euros, tamén contempla o cerramento perimetral, iluminación en báculos e o acceso desde a estrada.

O procedemento de adxudicación da execución do proxecto de construción da pista polideportiva que o Concello creará en Paiosaco, xunto ao CEIP Alfredo Brañas, está na fase final despois de que a Mesa de Contratación se reunise para clasificar as dúas ofertas presentadas.

A actuación presenta un orzamento máximo de licitación de 156.500 euros. Ademais da creación da pista cun pavimento deportivo e medidas interiores de 46×32 metros, contempla o marcado dos campos de xogo para as diferentes disciplinas (fútbol sala, baloncesto e balonmán), o cerramento perimetral da mesma cun valado de catro metros de altura e a iluminación en báculos para facilitar o seu uso a calquera hora do día, para o que se requiren as correspondentes canalizacións soterradas do servizo eléctrico.

Para unha axeitada integración no entorno no que se sitúa, tamén se inclúen actuacións oportunas para favorecer a recollida de pluviais e a adecuación dos accesos desde a estrada por medio dunha beirarrúa que tamén comunicará a pista co colexio. De feito, o novo equipamento abrirá novas oportunidades para o centro educativo ao permitirse o seu uso durante o horario lectivo.